O calendario escolar fai referencia á distribución das actividades ao longo dun curso. Cando falamos de calendario escolar temos que distinguir entre:
- O calendario do centro.
- O calendario do alumnado.
- O calendario do profesorado.
O calendario do centro:
O calendario das escolas infantís de primeiro ciclo ven determinado pola Administración, e especifica que as escolas infantís realizarán actividades lectivas durante cinco días á semana de luns a venres e durante os doce meses do ano. Deste período de tempo é preciso descontar os días sinalados como festivos pola administración autonómica ou local. Dentro da organización do calendario escolar é preciso ter en conta algúns momentos significativos, como poden ser:
- O período de adaptación
- As grandes vacacións, que aínda que a lei estableza que o centro debe permanecer aberto, é evidente que a organización será diferente.
- As festas escolares. Están establecidas oficialmente para cada curso escolar.
- Días especiais: aniversarios, visitas, saídas, etc.
- O momento da despedida do curso.
Ademais das datas sinaladas como festividades e períodos non lectivos, a orde que fixa o calendario de cada curso sinala habitualmente as seguintes datas como de celebración nos centros escolares de Galiza.
- 21 de decembro: conmemoración do Estatuto de autonomía de Galiza.
- 10 de decembro: Día da Declaración Universal dos Dereitos Humanos.
- 30 de xaneiro: Día da Paz.
- 8 de marzo: Día Internacional da Muller Traballadora.
- 15 de marzo: Día Mundial dos Dereitos do Consumidor.
- Do 9 ao 13 de marzo: Semana da Prensa.
- 23 de abril: Día do Libro.
- 7 de abril: Día Mundial da Saúde.
- 9 de maio: Día de Europa.
- 17 de maio: Día das Letras Galegas.
- 5 de xuño: Día Mundial do Ambiente.
O calendario do alumnado:
O primeiro ciclo da educación infantil forma parte dunha etapa do ensino non obrigatorio, polo que a asistencia do alumnado é voluntaria en cada momento do ano.
O calendario do profesorado:
Ven regulado polo seu convenio laboral coa empresa. Neste convenio se especificarán os días laborais e os de vacacións ao longo do ano aos que ten dereito a persoa traballadora. Dentro dos días laborais é preciso ter en conta que hai que realizar outras actividades ademais da atención directa ao alumnado, como poden ser:
- Preparación do centro para a acollida dos nenos e nenas.
- Elaboración de documentos docentes.
- Período de matriculación.
- Reunións coas familias.
- Entrevistas.
- Preparación de expedientes do alumnado.
Ningún comentario:
Publicar un comentario