luns, 27 de xaneiro de 2014

Material didáctico de Montessori

María Montessori naceu en 1870 en Chiaravalle, sendo a primeira muller italiana en doutorarse en medicina. No hospital da Universidade de Roma comezou a traballar con nenos e nenas con problemas de desenvolvemento.
Viaxou a París para coñecer o traballo do Instituto para nenos débiles mentais de Bourneville e seguir o traballo de Itard e Seguin.
En 1907 dirixe un xardín de infancia para atender aos fillos e fillas dos obreiros, e  dálle o nome de Casa dei Bambini procurando que houbese nel un ambiente ordenado, relaxado e agradable que favorecese a evolución natural das crianzas.
A sona do seu centro espallase en pouco tempo e así fóronse abrindo en diferentes lugares do mundo novos centros.
Montessori organizou cursos internacionais en diferentes lugares: Roma, Londres, Barcelona, etc., e publicou diversos libros onde explicaba a súa metodoloxía.
Coa chegada do fascismo de Mussolini e a Segunda Guerra Mundial María Montessori foxe de Italia recorrendo distintos países ate que en 1952 morre en Holanda.

O material de Montessori

Na metodoloxía montessoriana o material é un elemento fundamental e pódese agrupar en catro bloques principais: material motórico, da vida práctica, para a linguaxe e sensorial.
Montessori empregaba para o traballo motórico e para a vida práctica os elementos do propio deseño da aula, que ela coidaba de maneira especial, utilizando mesas e cadeiras lixeiras e á altura das crianzas, bandexas para transportar outros recursos, etc. Pero para o traballo sensorial e coa linguaxe deseñou especificamente un material polo que aínda hoxe é recoñecida.
Taboiñas de cores
  • Material motórico: é o que se traballa no que ela denomina actividade espontánea (sentarse nun lugar, vestirse, trasladar obxectos, etc.).
  • Material da vida práctica: agrupado segundo a idade do alumnado implica abrir e pechar caixóns sen ruído, con suavidade, con forza, etc., poñer e quitar a mesa, pasar líquidos dun recipiente a outro, limpar o po, mover cadeiras sen ruído, etc., atar cordóns, lavar as mans, cepillar os zapatos, pechar botes, cortar con tesoiras, traballar con arxila, plastilina, pintura, etc.
  • Material para a linguaxe: Para o traballo coa linguaxe deseñou letras de papel de lixa que debían percorrer co dedo para sentir a forma das letras, caixas de letras, alfabetos móbiles, etc.
  • Material sensorial: Forma parte esencial do seu método pola importancia que da á educación sensorial. Crea un material específico para o traballo con cada un dos sentidos:
  • Torre rosa
    • Educación visual:
      • Tamaño: Torre rosa, barras vermellas.
      • Cor: Taboíñas de cores.
      • Formas planas: Figuras xeométricas.
      • Formas volumétricas: Sólidos xeométricos.
    • Educación auditiva: Caixas de sons, compases musicais.
    • Educación olfactiva: Frascos de olores.
    • Educación gustativa: Botellas con contagotas cos sabores principais.
    • Educación do tacto: Rugosidade, textura, temperatura, forma, volume.
O seu material está deseñado a partir dos exercicios que empregaba Seguin para o traballo con persoas con discapacidade e ten fundamentalmente as seguintes características:
  • Ten que estar ao alcance dos nenos e nenas.
  • Ten que haber un só exemplar de cada un, o que lle facilitará a comprensión e permitiralle ordenar a súa mente.
  • Cada grupo de material representa unha mesma calidade pero en distinto grao, diferenciándose esta gradación, se é posible, de xeito matemático.
  • Cada grupo de obxectos presenta na súa gradación o máximo e o mínimo, sendo estes dous extremos o maior contraste posible da serie. Este contraste fai evidente as diferencias e o interesase polo exercicio.
  • O material permite por si mesmo a comprobación do erro na súa utilización.
  • Os materiais teñen unha importante compoñente estética, son atractivos e de boa calidade. Os materiais por si mesmos deben motivar o interese e a atención, non só pola súa calidade estética, senón pola súa condición intrínseca.
Con este material trabállese por medio de diferentes fases:
  • Asociación da percepción sensorial co seu nome.
  • Recoñecemento do obxecto que corresponde a unha calidade (dáme o verde, dáme o grande, etc.).
  • Recoñecemento de contrastes (o máis grande, o máis claro, etc.).
  • Discriminación de obxectos similares polas súas calidades (forma, tamaño, cor, etc.). 
A continuación hai unha presentación de diferentes tipos de materiais deseñados por algunhas das persoas citadas nestas entradas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario