martes, 28 de xaneiro de 2014

As características do propio material

Considerando as características do propio material poderemos analizar:

Consistencia do material

En primeiro lugar atendendo á consistencia do material, poderemos falar de materiais situados no continuo fluído - sólido.
Comezando polos fluídos atopamos materiais como por exemplo: a auga, a area, a pintura de dedos, etc. Teriamos despois outros como a arxila, a plastilina, o barro, etc. E finalmente os materiais sólidos.
O emprego de materiais máis fluídos require maiores esixencias tanto cognitivas como emocionais, posto que precisan máis control para manipular o material, e a algunhas crianzas pódelles provocar ansiedade a súa manipulación. Polo que deberemos ser coidadosos co emprego dos materiais fluídos e estar atentos ás reaccións que poden producir nalgunhas crianzas o seu uso.

Calidade

Outro aspecto a ter en conta é a calidade intrínseca dos recursos (aspecto xa destacado, entre outras persoas, por Montessori). Atendendo á propia materia prima, á solidez, ao acabado así como á estética, ao deseño e á beleza.
O cal non evita a posibilidade da utilización de materiais de refugallo en determinadas actividades, nin tampouco implica que se teñan que utilizar os materiais máis caros, simplemente trátase de presentar unha reflexións sobre o material que se selecciona para a escola, atendendo á súa calidade sen escoller o primeiro que se atopa.

A funcionalidade

A funcionalidade do material, é dicir o tipo de actividade (de función) que ofrece o material. Teremos materiais que permiten facer ruído, materiais que se poden arrastrar, que poden rodar, que se poden apertar, etc., independentemente da utilización que se lles dea ou se lles queira dar nunha actividade curricular.
Con carácter xeral podemos sinalar que serán máis aconsellables os materiais que permiten realizar un maior número de actividades, aínda que é evidente que en determinados momentos pódese requirir a utilización dun material específico.

Nivel vicario

O nivel vicario do material é o seu grao de distanciamento coa realidade. Algúns autores como Dale, Moles, etc. estableceron diferentes niveis de aproximación á realidade ou simbolismo dos materiais, tendo en conta se os recursos que se empregaban na escola eran o obxecto en si mesmo ou presentaban diferentes graos de abstracción. Así por exemplo para falar das flores, poderemos ter as flores na clase, ou poderemos traballar cunha fotografía, unha película, un debuxo ou mesmo a representación verbal ou escrita.
A importancia desta cuestión ven determinada por autores como Bruner, Wallon ou Piaget que analizan como as crianzas pasan da acción sobre os obxectos á interiorización mental da realidade, o que implica que, dependendo da distancia que exista entre o material que se presenta e a realidade, obrigará á persoa que o manipule, a realizar un traballo intelectual distinto.
Seguramente teraste preguntado como é o proceso do deseño dos materiais para o traballo con persoas con discapacidade. A continuación podes ver unha entrevista onde David Gil coordinador da empresa Manualia con sede en Madrid presenta unha serie de materiais que deseña a súa empresa para o traballo con persoas con discapacidade.

Ningún comentario:

Publicar un comentario