martes, 28 de xaneiro de 2014

Posibilidades educativas do material

A incorporación de materiais, sobre todo os sofisticados medios audiovisuais, levou a pensar nunha verdadeira revolución pedagóxica, sen embargo unha análise máis paseniño, fainos atopar a verdadeira dimensión dos mesmos, que é a de ser un elemento máis do curriculum. É dicir, o feito de utilizar un vídeo ou os bloques lóxicos, por poñer un exemplo, ten un valor pedagóxico que está máis en función do contexto no que se utiliza que do propio material en si mesmo. Compre polo tanto facer unha selección atinada dos recursos en función dos anteriores elementos curriculares (obxectivos, contidos, metodoloxía, actividades). Así podemos dicir que o valor dun material ven definido polas potencialidades do mesmo e mailas funcións que se lle dea dentro da estratexia didáctica.
De maneira resumida podemos sinalar as seguintes funcións que pode cumprir o material:

Motivar a actividade

É a función máis evidente, é en moitos dos casos a única que se destaca no traballo escolar. Utilizar un vídeo de animais como limiar ao traballo sobre este tema, empregar as regretas para traballar o número, usar o xogo de ensartar doas para traballar a escrita, etc..
Os materiais téñenlle que interesar ás crianzas, do contrario non os manipularán e non lles servirán para madurar e desenvolver as súas potencialidades.

Transmitir contidos

É a súa función esencial, servir de apoio á transmisión de contidos, ser un sustento eficaz na elaboración de conceptos, un apoio nas explicacións e tantas funcións como sexan capaces de outorgarlles o profesorado e mailo alumnado. Empregar fotografías para mostrar lugares afastados, poñer un vídeo no que se mostra o funcionamento dunha máquina, usar unha pista de xoguete para coñecer pautas de educación viaria, etc..

Orientar a metodoloxía de traballo

Os recursos ademais de portar contido, en función da súa estrutura específica, implican un xeito de utilización tamén específico. Así, por exemplo, non é o mesmo traballar as cores coas táboas graduadas de Montessori ou facelo cos materiais que hai espallados pola aula, un obriga a traballar individualmente e cunhas ordes moi precisas, e o outro pide facelo con xogos como o vexo, vexo, por exemplo.
Deste xeito, aínda que o tipo de traballo que se fai na aula depende máis do uso que lle dan aos materiais tanto o profesorado como o alumnado que do material concreto que se está a empregar, podemos identificar materiais que están deseñados e que favorecen determinado tipo de actividades, como por exemplo:
  • Material para o traballo sensorial.
  • Material para o traballo motriz.
  • Material para a expresión oral, preescritura e prelectura.
  • Material para expresión plástica.
  • Material para expresión musical.
  • Material para o traballo lóxico numérico.    
Darlle un valor engadido ao traballo.
Os recursos na educación infantil, ademais de ser elementos que axuden a alcanzar os obxectivos que se teñen previsto, deben ofrecer por si mesmos a posibilidade de:
  • Animar a facer algo con el, a manipulalo, a imaxinar novos usos...
  • Mellorar os coñecementos sobre as formas, as cores, os sons, as ideas, etc.
  • Estimular a crear libremente situacións e ambientes.
  • Invitar á relación, imitación e convivencia mediante a expresión dos seus sentimentos e afectos.

1 comentario:

  1. Esta xenial este espazo. Gracias por compartilo...de vez en cando botarei un ollo para non esquecer a teoría..que nunca está demais.
    Estou facendo un blog recollendo pequenas cousas da aula, por se che pode servir para as túas alumnas, unha mirada desde fóra ademáis sempre axuda.

    http://escolasinfantis.net/blogue_persoal/lara_fernandez/

    Un saúdo. Lara

    ResponderEliminar