martes, 28 de xaneiro de 2014

As mesas escolares

A evolución do deseño do mobiliario escolar vai, en certa medida, paralelo ao dos edificios escolares. No deseño do primeiro mobiliario escolar a preocupación centrábase de maneira case exclusiva en cuestións de tipo hixiénico e sanitario, buscando o mellor deseño para evitar posturas incorrectas e maior comodidade. Pero, a partir das achegas da Escola Nova, comezan a analizarse as implicacións educativas do seu deseño. Deséñanse mobles que permitan, segundo as circunstancias, o traballo de forma individual ou colectiva, elementos que permitan o almacenamento de diferentes recursos didácticos, elementos móbiles que permiten transportar estes recursos, etc.

Os pupitres escolares son un dos elementos máis significativos do mobiliario escolar, e a súa evolución marca significativamente a desenvolvemento educativo.
Deste xeito a propia María Montessori, que pertencía ao movemento de renovación pedagóxica da Escola Nova, xa cambiou os pupitres por mesas nas que se podían sentar varios nenos e nenas e resultaba doado cambialas de sitio.
Tamén introduciu na súa Casa dei Bambini armarios para gardar os materiais sensoriais e cadeiras lixeiras proporcionadas ao tamaño do alumnado.
A evolución das mesas escolares vai desde o pupitre aparafusado ao chan. que agrupaba a varios alumnos e cun plano inclinado característico a unha mesa de traballo independente que permite agruparse de diferentes xeitos segundo as necesidades, e incluso realizar diferentes actividades grazas a súa polivalencia.
Con respecto ao seu tamaño. diferentes estudios establecen que en función das diversas actividades que se realizan na aula pódense establecer as seguintes zonas dentro do posto de traballo.
Un nivel de actividade do 100%. É a área que se utiliza para todas as actividades e que ten unha dimensión aproximada de 50 X 25 cmts.
Un nivel de actividade do 90%. Ten unhas dimensións de 70 X 30 cmts e engloba ao espazo anterior. É o lugar onde se colocan os elementos de apoio ao traballo.
Un nivel de actividade do 30%. Ten unhas medidas de 60 X 25 cmts., e que está situada sobre a anterior, na que non se realizan directamente actividades e que ten a función de colocar obxectos para a súa observación.
Tendo en conta estas indicacións, as medidas máis recomendables do posto de traballo deberían ser 70 X 55 cmts.
As escolas e o seu mobiliario son parte da sociedade e polo tanto cambia ao mesmo ritmo que aquela.
cadeira mamut
Así, por exemplo o arquitecto Morten Kjelstrup e o deseñador de moda Allan Ostgaard inspirándose na estética da banda deseñada idearon no ano 1993 unhas cadeiras lixeiras, resistentes, redondeadas e que permitían o se uso diario por parte das crianzas. Estas cadeiras ás que lle puxeron o nome de mamut son lavables, desmontables e económicas e a súa aparición rachou cunha historia do mobiliario infantil pensado como un mobiliario para adulto a escala reducida. A súa fabricación por parte de IKEA favoreceu a súa grande difusión debido á baixada de prezos. Dentro da súa estratexia comercial varíanlle a cor en cada temporada.
En canto á súa forma, ademais da habitual cadrada, na educación infantil son frecuentes tamén as trapezoidais, que permiten diversas combinacións. Calquera das dúas pode permitir a distribución de áreas indicadas anteriormente. Ademais poden aparecer mesas semicirculares, redondas e de moi variados tamaños.

Ningún comentario:

Publicar un comentario