martes, 21 de xaneiro de 2014

Análise do edificio escolar

Antes de analizar os espazos do edificio escolar, vaise facer unha análise do edificio no seu conxunto, entendéndoo como un todo e considerando a súa adecuación á zona, a flexibilidade interna do edificio, a adaptación á idade das crianzas e a funcionalidade xeral do edificio, elementos que xa se tiñan en conta nas análises que se realizaban a comezos do século pasado.

Adecuación á zona

Para o cal teriamos que atender principalmente a dous tipos de condicionantes:
  • Condicionantes climatolóxicos: entre os que poderiamos distinguir os naturais e os elementos que temos que ter en conta para evitar os seus efectos:
    • Naturais: tendo en conta os efectos da luz, o son, o movemento do aire, a temperatura, a humidade, etc. no deseño do edificio escolar.
    • Artificiais: tendo en conta segundo sexa necesario a calefacción, illamento, filtros de luz, etc.
  • Condicións do solar: Entre as que haberá que considerar:
    • A orientación, a topografía e a estatística climatolóxica da zona.
    • As posibilidades de modificación da climatoloxía mediante a modificación do contorno con: masas arbóreas, dunas, láminas de auga, etc.
    • O tipo de entorno: centro urbano, suburbano ou rural e en que grao.
    • Tamén condicionará o deseño do edificio escolar se se pretende o aproveitamento dun local preexistente ou é un local de nova construción.
Ademais desta adecuación ás características climáticas e xeográficas sería desexable unha adecuación á zona cultural, tendo en conta as características arquitectónicas, culturais e contribuíndo asemade á formación estética dos seus usuarios.
Lee o artigo de Julia María Crespo Comesaña e Margarita Pino Juste "La estética de las edificaciones escolares en Educación Infantil en la Comunidad Autónoma de Galicia" no número 531 de Revista de Educación http://www.revistaeducacion.mec.es/re351/re351_20.pdf para ampliar a información deste apartado.

Flexibilidade interna do edificio

O edificio escolar ten que ter un grao de flexibilidade interna tal, que permita a posibilidade da súa transformación. Xa que os edificios teñen que adaptarse ao modelo pedagóxico que se pretende empregar, terán que ser susceptibles, unha vez producidos os cambios no modelo pedagóxico, de asumir eses cambios na súa estrutura.
Así poderíamos sinalar os seguintes graos de adaptabilidade do edificio segundo as distintas demandas de transformación:
  • Reorganización do equipamento e cambio de uso (sen modificación do edificio).
  • Remodelación administrativa por aumento da matrícula (sen modificación do edificio).
  • Modificación de elementos non estruturais (modificación menor).
  • Modificación de elementos estruturais (modificación maior).
  • Adaptación de edificios non escolares (supermercados, almacéns, fábricas...) ou modificacións no edificio escolar mediante a combinación de modificacións de elementos estruturais e non estruturais.
A tendencia normal sería a de levar un edificio de construción tradicional cara a aplicación dunha pedagoxía que esixira unha utilidade máis libre da escola con espazos multiuso e unha división fundamentada na unidade persoa, non na unidade grupo clase. Nesta modificación do edificio escolar habería que considerar unha serie de elementos que axudaría á ligazón dun modelo co outro:
  • Aparición de espazos abertos ou semiabertos.
  • Disposición dalgunhas aulas para actividades non realizables sen un mínimo de ruído.
  • Emprego crecente de elementos modulares.
  • Buscar elementos de flexibilización e adaptabilidade dos espazos.
Pese ao sinalado anteriormente podemos atopar exemplos nos dous sentidos, é dicir, escolas construídas coas contribucións máis novidosas da pedagoxía e que foi necesario modificar para o vello estilo académico, e escolas construídas segundo o modelo tradicional e que foron modificadas para traballar coas contribucións dunha pedagoxía máis anovadora.
De xeito que se pode observar como algunhas escolas adaptadas para exercer unha nova docencia con traballo en equipo, con posibilidade de facer grupos flexibles e un cambio na forma de avaliar, ao pouco tempo do seu funcionamento aparecen signos de resistencia á novidosa estrutura do edificio e comeza unha regresión ó modelo tradicional. Os grandes espazos abertos vanse compartimentando paulatinamente ata chegar a configurar aulas de tipo convencional.
Mais tamén se pode comprobar como hai experiencias que partindo dun edificio preexistente e tratando de facer unha ordenación diferente do traballo vanse facendo importantes modificacións para gañar o espazo dos corredores para as aulas ou abrindo estas directamente ao exterior.

Adaptación á idade das crianzas

En función das necesidades que teñen as nenas e nenos menores de seis anos pódense sinalar as seguintes características ou elementos a ter en conta no deseño dunha escola:
  • Necesidades afectivas: Para o que haberá que prever puntos de referencia físicos que dean seguridade e estabilidade ás crianzas. Creando espazos para o contacto individual e currunchos íntimos e cómodos.
Os espazos deben posuír unha certa orde e unha atmosfera agradable e acolledora. As nenas e nenos necesitan en xeral para o seu crecemento que o medio que os rodea se atope razoablemente definido.

  • Necesidade de autonomía: Incluíndo espazos onde se poida actuar libremente, facilitando a accesibilidade aos materiais, eliminando as barreiras arquitectónicas que impiden o acceso autónomo a materiais e espazos, dando cabida a que as nenas e os nenos constrúan ou reinventen os seus propios espazos.
  • Necesidade de movemento: Para o que se buscaran espazos que estimulen o movemento e as destrezas motoras, espazos libres e amplos para poder correr e desprazarse libremente, mobiliario e equipamentos específicos tales como ramplas, trepadoiras, escaleiras, colchoerías, etc. 
  • Necesidade de socialización: Non son unicamente necesarios os momentos de relación cos demais, senón tamén os de illamento, para o que haberá que planificar espazos de grupo e espazos individuais, espazos para compartir e espazos para illarse. 

  • Necesidades fisiolóxicas: Non se poden esquecer as necesidades primarias na vida das crianzas, para o que haberá que dispoñer de zonas axeitadas para o cambio, hixiene persoal, comida, descanso, etc.. Coidando que sexan espazos limpos, cómodos e agradables.
  • Necesidade de descubrimento, exploración, coñecemento: As persoas enriquécense do entorno que as rodea, deberán preverse pois, contornos ricos en estímulos, buscando nestes a calidade máis cá cantidade. Contornos que estimulen a exploración e o descubrimento, obxectos e materiais diversos: plantas e animais, materiais naturais tales como a auga, área, terra, madeira...

Por outra banda o espazo do Centro debe favorecer e permitir a actividade lúdica a través da cal desenvólvese e medra. Espazos para o xogo simbólico, como son: a casa, o mercado, o recuncho dos disfraces, etc.
Para ampliar a información sobre este apartado pódese ler o texto de Cabanellas, I e Eslava, C. (2005).: Territorios de la infancia. Graó. Barcelona.

Funcionalidade xeral do edificio

O edificio escolar ten que supoñer un continuo estímulo e ofrecer posibilidades espaciais para favorecer o libre acceso a calquera punto do edificio nos diferentes momentos do día. Isto implica que o seu deseño ten que estar presidido por un principio de economía e racionalidade, evitando a nivel estrutural, encarecementos innecesarios, e a nivel de instalacións, recorridos longos ou inadecuados, o deseño das instalacións escolares debe permir que resulten accesibles en todo o seu recorrido para unha máis fácil e económica conservación e mantemento.
As condicións que debe cumprir todo edificio escolar son as de favorecer o desenvolvemento integral da infancia, conseguindo unha autonomía física e intelectual, para iso temos que establecer unhas medidas de seguridade, aínda que é evidente que non podemos, nin debemos, educar dentro dunha urna, pois aprender o que é perigoso forma parte tamén da educación, pero evitando riscos inútiles empregando por exemplo:
  • Fiestras e saídas exteriores con pechos de seguridade.
  • Mecanismos eléctricos fora do alcance dos nenos e nenas.
  • Proteccións nas portas para evitar accidentes.
  • Protección nas escaleiras e varandas.
  • Evitar as arestas e cantos aguzados nos mobles.
  • Establecer unha zona de seguridade de ata 1,20 m de altura, liberada de superficies con cantos, vidros que non sexan de seguridade e desniveis perigosos.
  • Revestir as paredes ata 1,20 m de altura, con materiais resistentes e de fácil limpeza.
Ademais dos requisitos de seguridade, sinalados con carácter xeral, podemos indicar unha serie de características que debe reunir calquera edificio escolar para acadar un nivel mínimo de funcionalidade:
  • Son preferibles os edificios dunha soa planta, e cun reducido nivel de tráfico arredor.
  • Deben estar ao resgardo dos ventos dominantes e mantendo unha ventilación permanente e regulable.
  • Deben estar construídas en superficies secas e permeables.
  • Aínda que experiencias realizadas con aulas sen fiestras non atopan diferenzas significativas no impacto sobre o rendemento académinco sobre o alumnado, parece aconsellable situar as escolas en lugares solleiros e de amplas vistas, mantendo a iluminación natural o maior tempo posible.
  • Que a orientación permita conseguir o máximo de luz e temperatura durante o inverno e o mínimo de calor no verán, mantendo unha temperatura interior de 18 a 20 graos.
  • Aínda que algunhas investigacións demostran que incluso con ruídos entre 75/90 dcB non prolongados a tarefa escolar non se ve significativamente afectada, parece evididente que se debe ter un illamento acústico que permita que cando menos os dormitorios non teñan un nivel de ruído superior ós 50 dcB.
  • Utilizar un pavimento hixiénico, pero que sexa ao mesmo tempo cálido e permita cubrir as necesidades dos nenos e nenas.

2 comentarios:

  1. Este comentario foi eliminado polo autor.

    ResponderEliminar
  2. Con respecto ó artigo de Julia María Crespo Comesaña e Margarita Pino Juste "La estética de las edificaciones escolares en Educación Infantil en la Comunidad Autónoma de Galicia” publicado na revista educación http://www.revistaeducacion.mec.es/re351/re351_20.pdf no cal describen o estudo no que se analizaron as características estéticas de edificios escolares de 23 centros de Educación Infantil de Galicia construídos despois da entrada en vigor da LOGSE, en 1990, podo reflexionar o seguinte:
    Certo é que, a visión da estética en xeral vai evolucionando e aumentando cos anos, que os intereses mudan e que as necesidades dos colectivos son distintas, pero o diseño, o equipamento e o estilo dos edificios das escolas non superon grandes cambios a pesares de que a sociedade vive noutra realidade.
    Ademáis diso, vemos que é certo que en España non se demostra moita preocupación por parte das administracións educativas en conservar e reutilizar os edificios máis antigos e que non se lle da a importancia necesaria ó mantemento do noso patrimonio no que a educación se refire.
    Pero temos como proba este estudo no que se comprobou que os docentes sí que están preocupados polo tema e que consideran que se debería tratar, xa que moitas veces o aspecto dos centros en uso non depende do diseño do edificio, senón da falta de interés das institucións responsables.
    Debemos ter en conta que os centros educativos, os edificios no seu conxunto ( funcionalidade, flexibilidade interna, zona na que se atopan, espacios, adecuada adaptación ós nenos e nenas, etc.) inflúen notablemente no proceso educativo, e que así como existen monumentos significativos como símbolos de pertenza dos cidadáns dun país, tamén os estudantes deberiamos ter o noso“legado cultural” por así decir .
    É necesario aportar o entorno físico adecuado tamén baseándonos na estética e poder transmitilo, posto que tamén é cultura. Visto dende a práctica neste estudo, non se ve, non se valora, ou non está apoiada por outros aspectos funcionais (espacios dificiles de modificar que impiden o desenvolvemento de actividades innovadoras, entornos con accesos desprotexidos, edificacións que dan sensación de afogo, zonas de sol ou sombra inadecuadas, etc).
    Con todo isto, aínda que se cumpla a normativa estipulada no Decreto 329/2005, do 28 de xullo, polo que se regulan os centros de menores e os centros de atención á infancia non significa que ésta sexa totalmente adecuada para os/as nenos/as e o equipo docente, nin incluso para as familias e a sociedade, polo que se debería pensar en conservar os edificios escolares e rediseñar os espacios para mostrarlles a escola como un lugar acolledor, bonito, cómodo e funcional para unha mellora da educación.


    ResponderEliminar