mércores, 22 de xaneiro de 2014

Os espazos interiores

Os requisitos espaciais que deben reunir as escolas infantís 0-3 de Galiza están establecidos no Decreto 329/2005, do 28 de xullo, polo que se regulan os centros de menores e os centros de atención á infancia.

Espazos comúns

Facendo un repaso dos diferentes espazos dunha escola infantil que son de uso común para toda a escola pódese falar de vestíbulos, corredores, zona de administración e dirección, cociñas ou salas para o profesorado, é evidente que dependendo do tipo de deseño pode haber outros espazos e incluso algúns dos que se citan de xeito independente poden ser un único espazo.
  • Vestíbulo

O centro deberá contar cunha recepción para o control na entrada e saída dos nenos e nenas.
Este espazo varía moito en función do deseño da escola, pero en todos os casos debe coidarse por ser a primeira imaxe que reciben as familias e as crianzas cando chegan á escola.
Pode ser amplo e aproveitar o seu tamaño para empregarse tamén como sala de usos múltiples incorporando elementos móbiles, teatro de monicreques, baúl de roupa para disfraces, casa de monecas, curruncho de construcións, pequeno esvaradoiro, aparatos para exercicios motores, etc..
Pode ser un espazo apropiado para deixar os cocheciños dos bebés.
Pode ter unha función informativa e de relación coas familias, incorporando murais de información xeral, exposición de traballos, presentación de actividades, etc.
Mesmo nalgún caso, debido ao deseño da escola, pódese empregar como comedor.
  • Corredores

Os materiais utilizados serán adecuados á idade dos nenos e nenas. Evitaranse superficies rugosas e arestas nas paredes e, en caso de existiren, contarán coa protección adecuada. Os pavimentos serán de superficie cálida, lisa e antiesvarante, impermeable e continua, de xeito que permitan futuras redistribucións do espazo. As pinturas serán impermeables e non tóxicas.
A altura libre dos espazos interiores e de circulación será, como mínimo, de 2,5 metros.
Deberían ter unha anchura mínima de 2 m, sendo conveniente que as paredes estean protexidas por zócalos de até 1,20 m de altura. Ese espazo debe estar libre de elementos perigosos, ser doada a súa limpeza e permitir a actividade das crianzas con espazos para poder pintar, por exemplo.
Estes espazos, que moitas das veces están desaproveitados, poden ser lugares apropiados para crear obradoiros específicos, ou lugares para mostrar actividades realizadas polos nenos e nenas.
  • Zona de administración e dirección

A escola deberá contar cun despacho de administración e/ou secretaría.
Aínda que a actividade principal nunha escola infantil está relacionada coa intervención coas crianzas, haberá que pensar en establecer un espazo apropiado para a atención ás familias e aos trámites administrativos que teña que realizar a escola.
Neste espazo poderase gardar todo tipo de informacións, recibir ás familias, levar a cabo a administración e xestión do centro, etc. O mobiliario estará composto por mesa, cadeiras, ficheiros, taboleiro de información, etc.
  • Sala do profesorado

O mesmo que os espazos anteriores só é obrigatoria no caso de que o centro teña os dous ciclos de Educación Infantil. Sen embargo, podemos dicir que é unha sala imprescindible se se pretende o traballo en equipo, nela realizaranse as reunións do equipo educativo, prepararanse as programacións, poderanse gardar as fichas de observación dos nenos e nenas, e todo o material bibliográfico e manipulativo necesario para a preparación do traballo de clase. O mobiliario propio desta sala son sofás ou cadeiras de brazos para o descanso, biblioteca, mesa e cadeiras de traballo, taboleiro de información, elementos decorativos, mobles para material, recursos informáticos e reprográficos.
  • Cociña e biberonería

Os centros poderán prestar un servizo de comedor que incluirá en todo caso o xantar e, opcionalmente, almorzo e merenda e/ou cea, podendo ser ofertado nalgunha das seguintes modalidades:
  • Como servizo de comedor propiamente dito, prestado por persoal do propio centro ou ben alleo a el contratado con tal fin (servizo de catering), incluídos os alimentos.
  • Como servizo de cociña, entendendo por tal a prestación consistente na achega dos medios persoais e materiais precisos para a adecuada distribución e consumo dos alimentos que traen as familias, que será obrigatorio no caso de ter menores de 1 ano.
Será obrigatoria a existencia dunha sala específica para a preparación de alimentos sempre que haxa nenos menores dun ano, que deberá contar co equipo necesario para a preparación e conservación dos alimentos, para a limpeza, esterilización e preparación dos biberóns e ademais poder ofrecer unha cociña dietética para as crianzas que necesiten seguir un réxime alimenticio.

Os obradoiros

Son unha modalidade didáctica que consiste en darlle un uso pedagóxico especializado a un determinado espazo da escola durante un tempo específico.
O seu formato máis tradicional consiste en darlle un uso particular a un determinado espazo da escola. O obradoiro de plástica, o obradoiro de inglés ou o de informática, poden ser aulas da escola que se empregan para esta función mediante a rotación dos diferentes grupos por este espazo durante un tempo determinado, unha hora ao día, ou varias horas á semana, por exemplo.
O profesorado que atende a actividade nese obradoiro pode ser o mesmo que se despraza co grupo ou ben pode ser un profesorado especializado nese obradoiro.
Outra posibilidade de organización escolar mediante obradoiros é a que se pode dar durante un tempo determinado, as tardes, por exemplo, na que as aulas de grupo pasan a ter unha actividade especifica: plástica, obradoiro de ciencia, obradoiro de educación vial, etc., e o alumnado do centro organízase en función da actividade na que está a participar e non pola idade.
Finalmente unha terceira posibilidade de organización por obradoiros, é a que se denominan obradoiros integrais, e supoñen unha reorganización do traballo na escola, implicando unha organización dos espazos non en aulas de grupo, senón en obradoiros de actividade, aos que se despraza o alumnado. É algo que vemos habitualmente nas series norteamericanas cando se mostra a actividade dun instituto, no que se ve ao alumnado que cando se produce o cambio de aula é o alumnado o que cambia de espazo e non o profesorado.
Para ampliar a información sobre este apartado pódese ler unha proposta interesante para a organización dos talleres na escola infantil é a que presenta Quinto, B. (2005).: Los talleres en educación infantil. Graó. Barcelona.

As aulas

En función da idade dos nenos e nenas que acollan, cada aula debe cumprir unha serie de requisitos:
  • Aulas de 0-1

Teñen que ter un mínimo de 30 m2 e ademais deberán dispoñer de áreas diferenciadas para o descanso e a hixiene. No caso de tratarse de escolas con deseños en dous niveis, estas aulas deberán estar na planta baixa.
Na zona de hixiene os sanitarios estarán dotados de auga fría e quente, con billas hidro-mesturadas e o seu tamaño será proporcionado ás idades dos nenos e nenas.
Teñen que dispor dun espazo axeitado para a preparación de alimentos e con capacidade para os equipamentos que determine a normativa vixente (microondas, quentador de biberóns, refrixerador para o leite e andeis para almacenar o leite en po e outros alimentos.
  • Aulas de 1-2

Teñen que ter un mínimo de 30 m2 e ademais deberán dispoñer de áreas diferenciadas para o descanso e a hixiene. No caso de tratarse de escolas con deseños en dous niveis, estas aulas deberán estar na planta baixa.
Os sanitarios estarán dotados de auga fría e quente, con billas hidro-mesturadas e o seu tamaño será proporcionado ás idades dos nenos e nenas.
  • Aulas de 2-3

Teñen que ter un mínimo de 2 m2 por neno ou nena e un mínimo de 30 m2 polo que o coherente é que teñan cando menos 40m2.
Contar cun aseo con 2 lavabos e 2 inodoros que deberá ser visible e accesible desde o espazo principal. Os lavabos estarán dotados de auga fría e quente, con billas hidro-mesturadas e o seu tamaño será proporcionado ás idades dos nenos e nenas.

2 comentarios:

  1. O ambiente escolar non so funciona como escenario estático de fenómenos educativos, senón que é un modelador activo de acción didáctica, polo que é moi importante que se teña en conta o diseño ambiental en canto á organización do espazo, materias, tempo...
    Todas as dependencias da escola infantil considéranse espacios educativos, polo que a normativa ten especificada cómo debe ser a aula infantil (mínimo de dous metros cadrados por persoa, polo que deberán ter 30m). Debe contar con un aseo por aula con lavabo e inodoro. Os requisitos que debe reunir a escola veñen establecidos no decreto 329/2005 do 28 de xullo.
    Non nos podemos olvidar de que o espacio ten que estar disposto en función das necesidades e intereses dos nenos, para que poidan desenvolver todas as súas capacidades.
    Os espacio comúns interiores son aqueles que utiliza toda a escola. Algúns deles son:
    -entrada: debe ser cálida, acolledora, que invite a entrar, con imaxes, fotos dos nenos en actividades realizadas... tamén se pode utilizar para instalar algún obxecto de movemento.
    -corredores: donde se expoñerán as realizacións dos nenos en corchos, paneis ou murais.
    -servicios: terán que contar con unha pequena bañeira a que teñan acceso os nenos, ducha de teléfono e auga quente e fría. Deberá ter algún inodoro cercano á aula.
    -sala de usos múltiples: que se poden utilizar como sala de psicomotricidad, de movemento, sala de medios audiovisuales..
    -espacio para educadores e pais: sala de reunións con espacio para estanterías, corchos donde colgar información, responsabilidades, convocatorias, visita de pais...
    -aula de administración e direción: no que se poida atender ás familias, gradar todo tipo de información, como a administración e xestión da escola.
    Todas as paredes da escola deben ser lisas, para evitar que o neno se poida facer dano.
    Ademais a escola pode contar con un servizo de comedor. É obrigatorio que conte con unha sala para a preparación de alimentos para os nenos menores de un ano.
    A aula debese adecuar ás diferentes idades, ás necesidades, manipulación, relaxación, descanso...
    Para os mais pequenos, o espacio debe de dispoñer de diferentres zonas; zonas de cunas, un espacio para que se poida mover con total libertade, para preparar alimentos.. a superficie para oito nenos é de quince metros cadrados.
    As aulas destinadas a nenos de 1-3 anos deberá darse uso a toda a superficie evitando as zonas mortas e determinando as áreas de actividade (contarán con diferentes recunchos).
    A zona de xogos tranquilos poder servir como lugar de encontro de todo o grupo, pode servir de zona de descanso para dormir a sesta. Outra zona é a que está destinada ao movemento que convén que teña acceso ao xardín. A zona de xogo simbólico pódese gardar con cortinas, paneís ou estanterías. Outra zona pode ser a de experimentación con algunha planta ou animal, a de plástica..
    A aula deberá ter una organización flexible que irá modificándose ao longo do curso. É importante ter unha decoración con cores suaves, que sexan alegres e algúns elementos con cores primarios e brillantes sin abusar, xa que poden influir negativamente no clima de tranquilidades que se debe crear.

    ResponderEliminar
  2. https://planner5d.com/editor/?key=f59f8133b6e1075e6ad2ad4db41dc819

    ResponderEliminar