martes, 21 de xaneiro de 2014

Modelos de edificio escolar

Escola infantil Santa Susana en Compostela
O espazo no que se realiza o acto educativo é máis que o mero continente físico no que se desenvolve, xa que os estímulos que ese espazo provoca inciden na calidade mesma do proceso. Por este motivo é preciso analizar o edificio escolar e as diferentes partes que compoñen o edificio escolar, tanto interiores como o patio exterior. Analizarase en primeiro lugar a construción escolar como un todo único.
Se se observa a evolución dos diferentes edificios escolares que se empregaron ao longo da historia pódense establecer cinco grandes grupos. Respondendo, en certa medida, cada un destes grupos a un modelo de edificio que identifica unha concepción da educación diferente.
Estes serían os grupos que se poden establecer:

A escola como obra pública

Os primeiros edificios escolares foron os conventos e os cuarteis reutilizados para a súa nova función.
Pero o nacemento dos edificios escolares como os entendemos hoxe está unido ao nacemento da intervención pública no campo da instrución. Nacen coa intención de crear unha "obra pública" segundo a lóxica que programaba: edificios iguais, repetidos, nunha visión homoxénea e indiferenciada das necesidades evolutivas, niveis psicolóxicos ou modalidades de aprendizaxe. Edificios deseñados para ensinar a grandes grupos de persoas a ler, a escribir e a contar matematicamente.
Despois de que as autoridades políticas descubriran que unha pedagoxía da orde e da autoridade era a que máis interesaba ao poder e a que ademais era a que custaba menos. Deseñáronse escolas nas que non había necesidade de analizar a distribución dos seus espazos e os seus usos educativos.
Edificios nos que destaca a absoluta separación entre o interior e o exterior, coas portas indispensables cara ó exterior e unha multitude de portas internas, fiestras altas para a "non distracción dos nenos", etc.
Os edificios deséñanse para ser a mostra do poder, soen ser edificios senlleiros en cada unha das localidades nas que se constrúen.

A preocupación hixiénico e sanitaria

Escola infantil municipal Arela na Coruña
As achegas da medicina coas súas recomendacións para o benestar físico dos nenos e nenas e a necesidade de hixiene escolar e ao mesmo a irrupción da arquitectura racionalista na década 1920-30 contribúen a transformar a escola. Partindo da consideración dos elementos que definen a funcionalidade física e os estándares hixiénicos: soallamento, iluminación, circulación interior, ventilación, illamento e estudio separado de elementos, vaise dando paso a edificios compostos de fragmentos especializados cada un cunha precisa función, é dicir, dunha banda as aulas divididas segundo unha orde rigorosa (células en idénticas condicións de orientación, iluminación, ventilación), e da outra o bloque dos servizos colectivos do centro.
Neste tipo de edificio introducíronse innovacións arquitectónicas (espazos abertos xunto ás aulas, supresión de corredores innecesarios, etc.) sen substanciais innovacións pedagóxicas do modelo organizativo.
O denominador común dunha serie de edificios deste modelo é o emprego de formas e materiais elaborados pola enxeñería e a arquitectura industrial. Incluso actualmente constitúe un dos obxectivos fundamentais da construción escolar o feito de que poida ser executada cun alto índice de industrialización.
A crise do modelo veu influída pola comprobación por parte de arquitectos e pedagogos de que os avances localizaranse exclusivamente en temas moi limitados.

A pedagoxía entra na escola

As verdadeiras innovacions pedagóxicas no edificio escolar débense ás achegas realizadas pola Escola Nova, é neste momento cando a tipoloxía das escolas adquire unha dimensión e unha dinámica diferente.
A continuación sinálanse algunhas das achegas da Escola Nova no deseño dos edificios escolares, sobre todo nos dedicados á educación infantil. Unha das contribucións máis relevantes foi a constatación de que as nenas e os nenos avanzan nos dominios educativos con diversa velocidade e de xeito diferente e daquela o traballo didáctico debe ser programado para individuos e non para clases. Outra é que o desenvolvemento intelectual depende do uso dos procesos mentais fundamentados na asociación, selección, pensamento e descubrimento persoal, máis ca na adquisición pasiva de nocións preconstituídas. E poderiase sinalar tamén que a aprendizaxe educativa depende principalmente da experiencia concreta en primeira persoa.
Como consecuencia destas contribucións introducíronse distintas innovacións no edificio escolar principalmente a partir dos anos 1930, algunhas delas son as seguintes:
  • Os espazos ofrecen unha rica variedade de posibilidades educativas, incluíndo espazos grandes e pequenos, interiores e exteriores, etc.
  • Un mesmo espazo acollerá ao mesmo tempo diferentes actividades, diferentes materiais, instrumentos e auxiliares didácticos, podendo traballar nel grupos de diferentes tamaños.
  • Haberá unidades conectadas entre si, e varias unidades integraranse, cun espazo común central, como unha unidade autosuficiente.
  • Elimínanse corredores e increméntanse os espazos de uso colectivo.

A escola sen muros

Aínda que se poden atopar unhas primeiras aproximacións á escola sen muros con anterioridade, oficialmente foi presentada por PERKINS e WILL durante os anos 1951-54 nos EEUU e deulle un forte pulo a XII Trienal de Milán de 1960. Nun informe do ano 1975 sinalábase que máis do 50% das escolas construídas nos EEUU dende 1967 a 1970 eran "Open Space Schools", escolas de espazo aberto, o que aquí se coñece como escola sen muros. As súas características principais son as seguintes:
  • Grandes superficies, cubertas continuas, sen divisións verticais, substituídas por paredes móbiles e a media altura.
  • Aparecen espazos diversos articulados por centros compostos de clases de 2 a 4 ensinantes, nos que o alumnado repártese nunha variedade de tipos de recunchos arredor dun espazo de actividades común.
  • O centro escolar organízase como centro social e comunitario.
Este modelo de edificio escolar supón unha maior economía ao lograr unha maior superficie útil como lugar educacional (80% sobre un 60%-70% nos espazos pechados), as súas instalacións son máis simples e o mobiliario soe ser facilmente transportable e lixeiro.

A escola ubicuitaria

A escola ubicuitaria é tamén unha experiencia americana, que en Europa ten unha importante presenza en Turín. A esencia deste modelo escolar consiste no espallamento ao longo da cidade dos espazos de formación, en colaboración coas institucións públicas e coa rede de servizos colectivos.
A formación xa non se imparte unicamente nas escolas, os nenos e nenas cando pasean polas cidades tamén poden formarse, as cidade incorporan museos de artes e científicos pero todos coa posibilidade de manipular los elementos que alí se expoñen.
O pedagogo Francesco Tonucci coordina a destacable experiencia de escola ubicuitaria seguida nos últimos anos na cidade italiana de Fano.
No noso país tamén existen importantes experiencias de relevancia internacional como a que desenvolve a cidade da Coruña coa creación dunha significativa rede de museos de carácter científico nos que se pode continuar a formación que se realiza na escola.
Openheimer, un dos pais da primeira bomba atómica, presenta a idea de crear en San Francisco un museo que aproximara a ciencia á poboación en xeral, co que xurdirá deste xeito o primeiro museo da ciencia con carácter interactivo.
En 1978 La Caixa crea en Barcelona o primeiro museo científico de carácter privado.
En 1985 crease na Coruña A Casa das Ciencias, primeiro museo científico do Estado Español de carácter público, posteriormente iranse creando en 1989 A Domus, dirixido ao coñecemento do ser humano e en 1999 o Acuario.
Tamén hai empresas que están deseñadas para ser visitadas de xeito educativo como por exemplo as fábricas de cerámica de Sargadelos, tanto a de Sada como a de Cervo.

1 comentario:

  1. Paréceme moi interesante o feito de que dende os Concellos se oferten posibilidades para a aprendizaxe infantil a través da creación de museos públicos de carácter científico ou na colaboración cunha serie de empresas que oferten actividades de índole educativa. É un orgullo que na cidade de A Coruña se impulsara a creación da rede de Museos Científicos públicos para achegar a ciencia dunha maneira participativa, activa e basada na experiencia, o que, ao meu parecer, debería ser a base fundamental dunha aprendizaxe signiticativa dentro da Educación Infantil.

    ResponderEliminar