mércores, 29 de xaneiro de 2014

As crianzas poden ver os recursos

É necesario considerar que o que é, ou pode ser, claramente visible para unha persoa adulta non ten porqué selo para as crianzas. Sería interesante agacharse e poñerse á altura dos nenos e nenas para comprobar se o material que se considera que está perfectamente visible, o está realmente para eles.
A continuación preséntanse unha serie de orientacións para que os materiais sexan máis visibles para as crianzas.


Facer visibles os materiais

Algunhas recomendacións que se poden seguir para que os materiais sexan máis visibles:
  • Ter as caixas de material destapadas.
  • Lembrar que algúns materiais ofrecen máis información nas portadas que nos bordos ou nos cantos (como os libros ou os discos), e que haberá polo tanto que dispoñelos de xeito que se vexan as portadas.    
  • Analizar a altura do andel onde estarán situados os materiais para ver de que xeito os colocamos:
    • Cando os materiais están situados en andeis máis altos do nivel dos ollos dos nenos e nenas procurarase colocar os materiais en clasificadores ou contedores transparentes.
    • Cando os materiais están en andeis á altura da cintura os materiais deberán colocarse en contedores abertos aínda que sexan fondos.
    • Cando os materiais están situados nos estantes inferiores, procurarase utilizar envases planos e situados nos bordos dos estantes para que non os oculten os estantes superiores.

Concentrar os materiais

Clasificar os materiais agrupándoos e separándoos doutros similares axuda a facelos máis visibles. Cando os materiais están mesturados todos xuntos e dispostos nun mesmo estante fanse pouco visibles.
Os materiais fanse máis visibles canto máis espazo baleiro deixemos ao seu arredor. 

Diferenciar os materiais semellantes

Para poder distinguir materiais que son moi semellantes deberemos empregar contedores que permitan ver os materiais por todas as partes. 
Para distinguir materiais semellantes tamén podemos recorrer a situalos en lugares diferentes xa que isto axudará a diferencialos.

Os contedores

Os contedores deberán ter cores que permitan resaltar os obxectos que conteñen, son recomendables, por exemplo, os recipientes e bandexas de plástico para o fogar e a industria, que teñen cores lisas, claras e fortes. Habitualmente as caixas comerciais nas que veñen os materiais non son axeitadas para organizalos na aula.
Os contedores transparentes permiten ver os elementos do seu interior. Os que son opacos poderían levar pegada unha imaxe dos obxectos que conteñen para que se puideran identificar.
As cestas da parte superior, aínda que permiten ver o seu contido, é posible que pola súa colocación non sexan facilmente visible para as crianzas.

1 comentario:

  1. Na miña opinión, paréceme fundamental que os nenos podan ver onde estás os recursos e estén ao seu alcance. Esto significa que o neno pode atopar y coller él só o material que lle apeteza en cada momento, así reforzará a súa autonomía.
    E ao poder o neno coller por si mesmo o material que desexe nese intre tamén nos fará ver os gustos do neno e as súas preferencias.
    Ademáis, é importante que nunha mesa caixa non mesturemos materiais de distintas características, xa que iso non facilita a visión do que contén e ao final non cumpriría a función que se pretende.
    Outro beneficio é que o neno cando colla un material podrá saber onde o debe colocar unha vez utilizado. Así, por outra banda, as crianzas poderán ir adquirindo a importancia da orde e de que cada cousa ten o seu sitio. Isto proporciónalles confianza aos pequenos.
    En definitiva, que as aulas de educación infantil teñan os materiais á vista e o alcance dos nenos a min resúltame unha iniciativa moi positiva para eles.

    ResponderEliminar