martes, 21 de xaneiro de 2014

Historia do espazo escolar



A primeira referencia na lexislación do Estado español ao edificio escolar parece no Plan e regulamento xeral de escolas de primeiras letras de febreiro de 1825, que no seu artigo 178 sinala que Os Concellos proporcionarán o sitio destinado para a Escola, o que nunca servirá de cadea, paneira ou para outro obxecto de servizo público.
Posteriormente o Regulamento provisional dasescolas públicas de instrución primaria elemental de 1838 sinala sobre a escola no seu artigo 3º que en todos os pobos establecerase en lugar conveniente, que non estea destinado a outro servizo público, en sala ou peza proporcionada ao numero de nenos que teña que conter, con bastante luz, ventilación e defensa da intemperie.

A principios do século XX séguese o modelo escolar alemán que lle da unha grande importancia á organización e a orde, de xeito que as escolas manteñen o rigor funcional dos cuarteis, é o que se chamou escola-corredor. Un espazo cun corredor central e aulas á cada unha das beiras.
En 1918 publícase o libro Els edificis escolars de Barcelona, a partir do cal, e sobre todo en Cataluña, comézase a adoptar a estrutura inglesa de edificios escolares, que presenta un espazo amplo central arredor do cal se dispoñen as aulas.
En 1917 Xoán Vicente Viqueira publica A nosa escola e en 1921 Vicente Risco publica o Plan pedagóxico pra a galeguización das escolas, pero ningún deles superará esa fase de proxecto.
Durante a década dos anos 1930 prodúcese unha contradición entre os presupostos pedagóxicos do momento e as condicións mínimas esixidas polo Ministerio correspondente, que incide nos aspectos puramente técnicos, e vólvese en parte ó modelo de escola-corredor.
No ano 1956 unha normativa do Ministerio de Educación inclúe nos edificios escolares espazos específicos para celebracións relixiosas e en xeral a apertura do edificio ao lugar onde está emprazado.
Coa aprobación da Lei Xeral de Educación no ano 1970 e especificamente co Decreto de 10 de febreiro de 1971 dáselle unha orientación totalmente nova á construción escolar, por primeira vez téñense en conta os presupostos pedagóxicos no deseño dos edificios, pero este decreto de 1971 tivo unha moi escasa aplicación, así as Ordes Ministeriais de setembro do 1973 e de agosto de 1975 reducían as innovacións incluídas, para deixar a normativa á altura dos anos 50 (eliminación dos grandes espazos para gran grupo previstos para cada ciclo de EXB, drástica redución das superficies totais dos espazos comúns, biblioteca, laboratorios, circulacións, etc. eliminación do ximnasio e redución das medidas do espazo-aula). Podemos indicar dúas causas principias para esta redución:
  • A primeira é a retirada dos fondos concedidos polo Banco Mundial cos que se pretendía levar adiante a reforma emprendida na educación coa lei Villar Palasí.
  • A segunda, esgrimida principalmente pola Administración Educativa, foi a falta de preparación didáctica do profesorado para traballar en centros como os do ano 1971.
Posteriormente, e como desenvolvemento do artigo 14 da Lei Orgánica do Dereito á Educación (LODE) de xullo de 1985 e as precisións establecidas na Lei de Ordenación Xeral do Sistema Educativo (LOXSE) de outubro de 1990, apróbase o Real Decreto 1004/91 polo que se establecen osrequisitos mínimos dos Centros que impartan ensinanzas non universitarias.
Neste Real Decreto regúlanse por primeira vez os espazos das escolas infantís de primeiro ciclo, pois é a primeira vez que o 0-3 entra no sistema educativo. Sinálase como o máis destacable unha incidencia nos temas arquitectónicos e hixiénicos pero esquecendo novamente unha liña pedagóxica que inflúa no deseño escolar, se ben aparecen espazos de uso común e de emprego específico, xa dende o primeiro ciclo da educación infantil subxace un criterio meramente economicista na súa elección.
Na actualidade requisitos espaciais das escolas infantís de Galicia están establecidos no Decreto 329/2005, do 28 dexullo, polo que se regulan os centros de menores e os centros de atención áinfancia.

Ningún comentario:

Publicar un comentario