luns, 27 de xaneiro de 2014

Material didáctico Cuisenaire

Emile-George Cuisenaire naceu en 1891 en Quaregnon (Bélxica), traballou como mestre nunha escola da vila de Thuin, onde morreu en 1976.
Durante o seu traballo como mestre comezou a reflexionar sobre a mellor maneira de transmitirlle os conceptos matemáticos ao seu alumnado, con este motivo experimentou, en principio, con tiras de cartolina coloreadas e a partir de 1947 comezou a usar as súas famosas regretas.
En 1952 Cuisenaire publicou Os números de cor onde explicaba a utilización deste recurso.
Caleb Gattegno visitou a súa escola e observou o traballo que realizaba Cuisenaire e imaxinou as virtudes do material especialmente no campo do Álxebra. En 1954 Gattegno fundou a Cuisenaire Company para fabricar regretas e publicar libros e materiais que difundiran a súa utilización poñendo de manifesto as grandes posibilidades deste material Dende o ano 1956 dedicouse a divulgar esta metodoloxía a través de cursos por todo o mundo.

As regretas

Regretas no Science Museum de Londres
Diminuíndo o tamaño dos bloques deseñados por Fröebel e adaptándoos ao sistema métrico decimal Cuisenaire deseñou as súas regretas.
As regretas son pequenas pezas de madeira ou de plástico de forma rectangular, de dez tamaños e cores. Cada tamaño vai asociado a unha cor e a un número. A máis pequena ten unha lonxitude dun centímetro, e as restantes aumentan de centímetro en centímetro, ata a maior que ten unha lonxitude de 10 centímetros.
Aínda que os materiais se deseñaron para manipulalos fisicamente e se poden atopar distribuídos por diferentes casas comerciais, tamén podemos atopar este xogo das regretas en rede en http://www.regletasdigitales.com

Ningún comentario:

Publicar un comentario