mércores, 22 de xaneiro de 2014

O tempo das persoas que traballan na escola infantil

Reloxo astronómico en Praha
O 10 de febreiro de 2010 as patronais do sector de centros de asistencia e educación infantil e as organizacións sindicais FETE-UGT, CCOO, USO e FSIE asinaron o XI convenio colectivo de ámbito estatal de centros de asistencia e educación infantil, publicado na Resolución de 9 de marzo de 2010, da Dirección Xeral de Traballo, pola que se rexistra e publica este convenio, e que foi publicado o 22 de marzo de 2010 no Boletín Oficial do Estado e que establece as seguintes condicións laborais en canto ao tempo de traballo.

A xornada laboral está establecida para os técnicos e técnicas superiores de educación infantil en 38 horas semanais, contabilizando un total de 1661 horas ao ano. Dentro deste total horario inclúense un mínimo de 20 horas destinadas á formación e perfeccionamento profesional, que a empresa deberá garantír aos seus traballadores e traballadoras.
Co tempo suficiente, preferentemente ao comezo de cada curso escolar, ou no momento que existan circunstancias obxectivas que o modifiquen, elaborarase a distribución da xornada laboral, semanal, mensual e anual, no seu caso, de cada persoa que traballe na empresa, así como os períodos vacacionais. En caso de non existir acordo, respectarase o tope de 9 horas diarias.
Terán a consideración de horas extraordinarias as que excedan das 38 horas semanais. A iniciativa para traballar en horas extraordinarias corresponde ao Centro e á libre aceptación da traballadora ou traballador correspondente. As horas extraordinarias quedan limitadas a 48,5 horas anuais.
A retribución das horas extraordinarias non poderá ser en ningún caso inferior ao valor da hora ordinaria e poderá ser compensada por tempos equivalentes de descanso retribuído.

Ningún comentario:

Publicar un comentario