mércores, 22 de xaneiro de 2014

Historia do tempo escolar

Reloxos no Pasatempo de Betanzos
Unha das primeiras referencias legais sobre a organización do tempo na escola é a que establece o Regulamento provisional das escolas públicas de instrución primaria elemental de 1838, que estaba inspirado por Pablo Montesino, creador da primeira escola infantil do Estado. Neste regulamento establecíase que habería clase todos os días da semana excepto os xoves pola tarde e o domingo, os días de vacacións serían os de Nadal, do 24 de decembro ao 6 de xaneiro; o luns e martes de Entroido, a Semana Santa, os aniversario dos reis e os días de festa en todo o Estado, como o 2 de maio, por exemplo. Ademais as Comisións Locais de Instrución Primaria podían sinalar ata 6 semanas de vacacións extraordinarias nas zonas rurais onde fose preciso polas urxentes ocupacións do campo.
Progresivamente, o interese en fomentar a escolarización infantil, provocou unha diminución aínda maior dos días festivos.
Como se pode comprobar, os criterios para establecer períodos de descanso do calendario escolar, non estaba motivado por ningún tipo de criterio pedagóxico, só motivos de carácter relixioso, económico ou climatolóxico determinaban a duración do curso escolar a pesar de ter unha elevada taxa de absentismo durante os meses de verán.
A breve historia da I República (durou escasamente o ano 1873) establecerá un calendario de 230 días lectivos e eliminará as festas relixiosas para substituílas polas festas laicas de primavera, verán, e inverno que podían ser axustadas no tempo polos Consellos provinciais “tendo en conta as condicións climatolóxicas de cada comarca, as necesidades do ensino e os preceptos imperativos da hixiene escolar”, eran tamén non lectivos os domingos, catro festividades comúns a todo o Estado e outras oito para feiras e festas tradicionais de cada localidade.
Un golpe de estado acabará con este curto período democrático e se iniciará outro goberno monárquico, que para o caso que nos ocupa implicará unha nova situación de anarquía nos calendarios escolares, pese a que en función das competencias das Xuntas Locais, nalgunhas localidades se estableceron períodos vacacionais motivados polas tarefas agrarias dos meses do verán, ou ben, como en Galiza, entre 1880 e 1886, polo andazo.
A incorporación de criterios médicos e hixiénicos, así como as reivindicacións laborais dos mestres levaron a establecer en 1887 un calendario común para todo o Estado con 45 días de vacacións estivais, do 24 de xullo ao 6 de setembro, 225 días lectivos e 140 días festivos, entre os que se incluían, ademais das festas estivais, as relixiosas e políticas, así como as locais.
De todos os xeitos estes criterios legais de organización do calendario escolar non oculta unha realidade de elevado absentismo que, no noso país, ven determinado fundamentalmente polo traballo infantil nas tarefas domésticas e agrarias o que determina que a asistencia estivera moi vinculada aos ciclos agrarios. Situación que se ve agravada polos longos desprazamentos que se teñen que producir en moitos dos casos, debido ao afastamento e dispersión da poboación.
Con respecto ao horario o Regulamento de 1838 xa citado establecía que “durarán os exercicios tres horas pola mañá e tres horas pola tarde en todo o tempo, excepto as tardes do verán que poderán ser de dúas horas, ou dunha, a xuízo da respectiva Comisión da escola”.
Aínda que había variacións locais importantes, parece que o común era a entrada ás oito e saída ás doce, con nova entrada ás tres e saída ás cinco. Situación que se foi estendendo ata que unha circular de 1932 establece a xornada de 5 horas, tres pola mañá e dúas pola tarde. Pese a que nas zonas rurais, e co fin de evitar os desprazamentos, era común a xornada continuada de cinco horas.
A distribución das actividades escolares dentro destas sesións, están propostas por diferentes autores, pero ningún deles parece contemplar períodos de descanso entre as diferentes actividades. As actividades que se inclúen dentro do horario escolar son, segundo a súa importancia: a lectura, a oración e o rezo, a escritura e a aritmética, sendo superadas amplamente polas labores e o tecido nas aulas femininas.
Na actualidade os tempos das escolas infantís de primeiro ciclo están regulados polo Decreto 329/2005, do 28 de xullo, polo que se regulan os centros de menores e os centros de atención á infancia, que indica no seu artigo 25 que cada centro abrirá durante un mínimo de oito horas diarias, en xornada partida ou continuada, cinco días á semana de luns a venres e doce meses ao ano, salvo causa xustificada.
Non obstante, respectando estes mínimos, cada centro poderá determinar os seu calendarios e horarios de apertura e peche ao público en función da demanda existente e da necesaria conciliación da vida persoal, familiar e laboral.
Ademais no artigo 26 do mesmo decreto, regula o que denomina horario amplo, e di que se entende por horario amplo a atención aos nenos e nenas por parte do centro cando menos durante 10 horas diarias ininterrompidas. Non obstante, evitarase que o neno ou a nena prolongue a súa estadía no centro máis de 8 horas diarias, agás que circunstancias excepcionais, que deberán en todo caso xustificarse, o determinen.


Ningún comentario:

Publicar un comentario