luns, 3 de febreiro de 2014

A imaxe fixa

É preciso lembrar cando se traballa con fotografías que unha das súas características, como a de todas as imaxes, é que son representacións da realidade e non a realidade mesma. É dicir que son representacións da realidade que están mediatizadas polo punto de vista da persoa que as realizou. O tipo de encadre, o ángulo, as cores, o contraste, etc. son elementos que a persoa que realiza unha fotografía emprega para darlle un sentido determinado as imaxes que realiza.
No traballo da escola infantil pódese analizar e coñecer os mecanismos que se empregan para realizar fotografías: as máquinas fotográficas, os seus elementos, os soportes da imaxe (discos, memoria flash ou mesmo película), a impresión en papel fotográfico, o proceso de edición, a industria fotográfica, etc. O abaratamento de toda a tecnoloxía relacionada coa fotografía permite que poidamos traballar con ela con nenos e nenas menores de 3 anos.

Ademais, a fotografía permite diferentes utilidades educativas, que se poden agrupar fundamentalmente en dúas:

Desenvolvemento da linguaxe

Pódese traballar con fotografías de diversos obxectos, animais, persoas, etc. incluso incorporar fotografías feitas polo profesorado ao grupo en diferentes momentos sobre as que podemos falar, ¿que facía Xacobe?, ¿quen está detrás de Mariña?, etc. tamén podemos traballar con fotografías traídas da casa, este é o pai, esta é a avoa.

Desenvolvemento do pensamento lóxico

Feitas as fotografías durante unha saída tratamos de ordenalas, ¿porque esta vai primeiro ca outra?, ¿podemos incorporar algunha no medio das dúas?, ¿poderiamos, se tiveramos, poñer máis no medio?. Se traballamos con fotografías de lugares coñecidos, pescudar onde estaría o fotógrafo, situar no tempo (momento do día, estación do ano).
Este recurso audiovisual une á súa facilidade de uso o seu custo reducido, o que lle permite ao profesorado elaborar o seu propio material, pero no caso de precisalo existen produtos que están á venda comercializados por diferentes marcas e que están deseñados para traballar secuencias temporais, as partes do corpo, busca de erros, e moitas máis cuestións.

Unha proposta de traballo

Imaxina que no traballo nunha escola infantil se realiza unha saída a un contacontos cos nenos e nenas da escola. Durante esa actividade se realizan unha serie de fotografías.
Con estas fotografías realizadas pódense facer distintas actividades na aula como:
  • Poñelas en orde. ¿Que pasou primeiro? ¿Que pasou despois?
  • Identificar persoas. ¿Onde está Antón? ¿Que roupa leva Carolina?
  • Seriacións. ¿Quen era a primeira persoa da fila? ¿Quen ía detrás?

1 comentario:

  1. A imaxe é un recurso de gran importancia para a enseñanza e a comunicación nun aula de infantil.Nos aportes que fixeron os psicólogos Piaget, Vygotsky, Brunner e Ausubel á pedagoxía, pódese evidenciar cómo o manexo didáctico dun material incide positivamente no desarrollo de procesos de enseñanza e aprendizaxe. As imaxes posibilitan a enseñanza e o aprendizaxe dunha forma máis agradable e significativa.Ademais a observación é unha estratexia fundamental para poder avaliar os procesos de aprendizaxe que se dan nas escolas. Para que esta observación sexa enriquecedora é necesario empregar ferramentas como a fotografía que nos axuden a recompilar os datos do xeito máis obxectivo
    Unha fotografía é unha oportunidade de narración, as imaxes tomadas pódennos contar, revelar, encontrar, capturar, contaxiar ideas, pensamentos, accións, supón conservar a memoria do vivido, sentido, experimentado.... “a imaxe foi constituída no medio para conducir a educación dos pobos” ,pensamento do italiano Umberto Eco (1968).

    ResponderEliminar