luns, 3 de febreiro de 2014

O proxector de diapositivas

Tamén coñecido por diascopio, constitúe basicamente un hardware que permite traballar con fotografías proxectadas, o cal terá un grande poder de atracción, mantendo a atención dos nenos e nenas máis tempo que a imaxe directa e presentando unha luminosidade e un cromatismo que favorece moito o seu realismo.
Traballar nun aula escurecida e con imaxes que presentan esa textura e ese brillo é unha ferramenta interesante na escola infantil
O mecanismo e a estrutura é similar en todos os diascopios.
Están compostos polos seguintes elementos:

  • Bastidor. É unha caixa de plástico ou metálica que protexe tódolos elementos e ten fendas para a ventilación.
  • Lámpada. É o elemento fundamental e máis fráxil do diascopio. O emprego de leds está a cambiar as posibilidades de utilización deste recurso ao reducir o seu tamaño e traballar a temperatura ambiente.
  • Refrixeración. Debido ás altas temperaturas que xera a lámpada e necesario arrefriar o diascopio.
  • Pasador. Mecanismo que suxeita as diapositivas e serve para movelas.
  • Filtro anticalórico. Serve para protexer as diapositivas das altas temperaturas que xera a lámpada.
  • Lente condensador. Que dirixen a luz da lámpada cara á diapositiva.
  • Obxectivo. Que permite precisar o enfoque das imaxes na pantalla.
Con respecto ao software hai dúas posibilidades, ou ben facer uso do producido por distintas editoriais (hoxe en día existe un abano suficientemente variado), ou ben que o elabore o propio profesorado, e neste caso tamén temos dúas vías: fotografar en diapositivas o que sexa interesante para o traballo na aula, ou debuxar en acetatos, plásticos ou papel cebola e posteriormente enmarcalos nos bastidores das diapositivas.
As súas posibilidades educativas son practicamente as que citamos no caso da fotografía, aínda que evidentemente cunha dimensión distinta ao ter que traballar nun medio escurecido o que limita algún tipo de actividade, pero dálle moitas posibilidades ao traballo creativo e imaxinario.
Os proxectores de diapositivas, igual que os retroproxectores, requiren o emprego de soportes transparentes, o que implica un proceso para trasladar os materiais en papel ao plástico ou acetato. Por este motivo nos anos 30 do século pasado debido á escaseza de diapositivas de carácter educativo comezouse a empregar o opascopio. O opascopio era un aparato que permitía proxectar calquera tipo de material opaco.
Como permitía proxectar materiais opacos, como os libros, na educación infantil era útil, por exemplo, para contar contos utilizando as propias ilustracións do libro, recurso que aínda empregan algúns contacontos.
De calquera xeito os seus problemas de iluminación e óptica fixeron que o seu uso se reducira ata practicamente desaparecer. Na actualidade hai canóns que incorporan cámaras que permiten realizar a mesma función.

Ningún comentario:

Publicar un comentario