mércores, 29 de xaneiro de 2014

As crianzas poden coller os materiais

En xeral, as condicións que favorecen un axeitado acceso visual aos obxectos, favorecen ao mesmo tempo o acceso físico aos mesmos. Pero aínda así podemos considerar as seguintes cuestións:

As crianzas poden ver os recursos

É necesario considerar que o que é, ou pode ser, claramente visible para unha persoa adulta non ten porqué selo para as crianzas. Sería interesante agacharse e poñerse á altura dos nenos e nenas para comprobar se o material que se considera que está perfectamente visible, o está realmente para eles.
A continuación preséntanse unha serie de orientacións para que os materiais sexan máis visibles para as crianzas.

A organización dos materiais

Un elemento que ás veces se descoida cando se fala dos materiais é a maneira de organizalos dentro da aula. É necesario considerar que a organización destes materiais pode ser un xeito de organizar o propio traballo na aula de infantil. Como xa se sinalou, por exemplo, a colocación dun andel pode ser unha forma de crear un recuncho de actividade, e a maneira de dispor os materiais de plástica pode animar ás crianzas a traballar con eles.
Por este motivo deberíase reflexionar antes de distribuír e organizar os materiais dentro da escola prestándolle atención ao tipo de andeis que se empregan, ao lugar onde se colocarán os materiais e aos contedores e clasificadores que se empregarán para organizar os recursos.
A continuación analízase como organizar os materiais para favorecer que as crianzas poidan velos e acceder a eles.

O patio tamén é a escola

Cando se analiza o mobiliario do espazo exterior dunha escola, fálase de diferentes elementos:

Elementos fixos

Interior da fábrica Galopín en Cerceda
Estarán ben fixados ao chan e serán as estruturas propias do xogo físico e o xogo de relación e socialización fundamentalmente. É neste terreo onde dende as últimas décadas están aparecendo as principais innovacións no deseño.
Con referencia ao mobiliario exterior típico (bambán, etc.) habería que dicir que non é en principio o máis axeitado, tendo en conta que unha observación do seu emprego por parte das crianzas mostrará como xogan con eles de maneiras diferentes (tratando de trepar pola parte lisa do escorregadoiro, pendurándose da estrutura do bambán, etc.). Por este motivo cada vez son máis empregadas as estruturas multifuncionáis que ofrecen unha potencialidade de utilización máis ampla.

martes, 28 de xaneiro de 2014

O mobiliario escolar

O mobiliario das escolas infantís ven determinado pola metodoloxía de traballo que se pretenda desenvolver, pola normativa vixente en cada momento e polas características de idade do alumnado ao que vai dirixido o espazo educativo correspondente. A continuación fálase dalgúns materiais imprescindibles nunha escola infantil, pero antes Gustavo Quindimil, director da escola infantil de Oza na Coruña, móstranos algúns dos materiais que empregan na súa escola.


As mesas escolares

A evolución do deseño do mobiliario escolar vai, en certa medida, paralelo ao dos edificios escolares. No deseño do primeiro mobiliario escolar a preocupación centrábase de maneira case exclusiva en cuestións de tipo hixiénico e sanitario, buscando o mellor deseño para evitar posturas incorrectas e maior comodidade. Pero, a partir das achegas da Escola Nova, comezan a analizarse as implicacións educativas do seu deseño. Deséñanse mobles que permitan, segundo as circunstancias, o traballo de forma individual ou colectiva, elementos que permitan o almacenamento de diferentes recursos didácticos, elementos móbiles que permiten transportar estes recursos, etc.

Adecuación á idade

Tanto as casas comerciais, como algúns colectivos, presentan diferentes clasificacións dos materiais didácticos segundo a idade dos nenos e nenas aos que van dirixidos, fundamentadas nas análises feitas por María Montessori, Ovide Decroly, Henri Wallon ou Jean Piaget por exemplo.
A Asociación de Investigación do Xoguete realiza unha clasificación da que se presenta a seguinte táboa como resume dos referidos á educación infantil.

Posibilidades educativas do material

A incorporación de materiais, sobre todo os sofisticados medios audiovisuais, levou a pensar nunha verdadeira revolución pedagóxica, sen embargo unha análise máis paseniño, fainos atopar a verdadeira dimensión dos mesmos, que é a de ser un elemento máis do curriculum. É dicir, o feito de utilizar un vídeo ou os bloques lóxicos, por poñer un exemplo, ten un valor pedagóxico que está máis en función do contexto no que se utiliza que do propio material en si mesmo. Compre polo tanto facer unha selección atinada dos recursos en función dos anteriores elementos curriculares (obxectivos, contidos, metodoloxía, actividades). Así podemos dicir que o valor dun material ven definido polas potencialidades do mesmo e mailas funcións que se lle dea dentro da estratexia didáctica.
De maneira resumida podemos sinalar as seguintes funcións que pode cumprir o material:

As características do propio material

Considerando as características do propio material poderemos analizar:

Consistencia do material

En primeiro lugar atendendo á consistencia do material, poderemos falar de materiais situados no continuo fluído - sólido.
Comezando polos fluídos atopamos materiais como por exemplo: a auga, a area, a pintura de dedos, etc. Teriamos despois outros como a arxila, a plastilina, o barro, etc. E finalmente os materiais sólidos.
O emprego de materiais máis fluídos require maiores esixencias tanto cognitivas como emocionais, posto que precisan máis control para manipular o material, e a algunhas crianzas pódelles provocar ansiedade a súa manipulación. Polo que deberemos ser coidadosos co emprego dos materiais fluídos e estar atentos ás reaccións que poden producir nalgunhas crianzas o seu uso.

luns, 27 de xaneiro de 2014

Criterios a seguir para seleccionar os recursos

O tema dos recursos está moi relacionado coa análise dos xoguetes. Para ampliar esta información pódense revisar os contidos presentados no módulo de metodoloxía do xogo.
Termos como: medios, recursos, material didáctico, material educativo, elementos lúdicos e mesmo xoguetes fan referencia a conceptos que presentan diferentes matices, pero na nosa análise serán considerados como sinónimos, entendendo que a análise desas diferenzas debería ser obxecto doutro espazo diferente.

Material didáctico de Dienes

Zoltan Paul Dienes naceu en 1916 en Hungría e morreu o 11 de xaneiro de 2014. Deseñou diferentes métodos de ensino das matemáticas aos nenos e nenas pequenos basándose en xogos, cancións e bailes.
Curiosamente o material polo que é fundamentalmente coñecido non foi creado por el, pois o primeiro en utilizar os bloques lóxicos como auxiliares na aprendizaxe da lóxica foi William Hull (1884-1952).
Pero foi Dienes o que o difundiu por diferentes escolas do mundo, fundamentalmente de Canada e Australia.

Material didáctico Cuisenaire

Emile-George Cuisenaire naceu en 1891 en Quaregnon (Bélxica), traballou como mestre nunha escola da vila de Thuin, onde morreu en 1976.
Durante o seu traballo como mestre comezou a reflexionar sobre a mellor maneira de transmitirlle os conceptos matemáticos ao seu alumnado, con este motivo experimentou, en principio, con tiras de cartolina coloreadas e a partir de 1947 comezou a usar as súas famosas regretas.
En 1952 Cuisenaire publicou Os números de cor onde explicaba a utilización deste recurso.
Caleb Gattegno visitou a súa escola e observou o traballo que realizaba Cuisenaire e imaxinou as virtudes do material especialmente no campo do Álxebra. En 1954 Gattegno fundou a Cuisenaire Company para fabricar regretas e publicar libros e materiais que difundiran a súa utilización poñendo de manifesto as grandes posibilidades deste material Dende o ano 1956 dedicouse a divulgar esta metodoloxía a través de cursos por todo o mundo.

Material didáctico de Rosa e Carolina Agazzi

Rosa Agazzi naceu en Volongo en 1866 e morreu en 1951 e Carolina Agazzi naceu en 1870 e morreu en 1945. Ámbalas dúas estudiaron maxisterio en Brescia e despois de participar en 1891 nun congreso sobre a educación infantil orientaron o seu traballo cara esta etapa educativa.
En 1898, Rosa Agazzi presentou no Congreso Pedagóxico Nacional (en Turín) o traballo titulado Ordenamento Pedagóxico do Xardín de Infancia segundo o sistema de Fröbel, onde resume o seu método.
A metodoloxía das irmás Agazzi desenvolveuse no traballo que realizaron no Asilo de Mompiano en Brescia até que se xubilaron no ano 1927. Despois dese retiraren, seguiron o seu labor xunto con outros colaboradores formados nese mesmo centro.

Material didáctico de Montessori

María Montessori naceu en 1870 en Chiaravalle, sendo a primeira muller italiana en doutorarse en medicina. No hospital da Universidade de Roma comezou a traballar con nenos e nenas con problemas de desenvolvemento.
Viaxou a París para coñecer o traballo do Instituto para nenos débiles mentais de Bourneville e seguir o traballo de Itard e Seguin.
En 1907 dirixe un xardín de infancia para atender aos fillos e fillas dos obreiros, e  dálle o nome de Casa dei Bambini procurando que houbese nel un ambiente ordenado, relaxado e agradable que favorecese a evolución natural das crianzas.
A sona do seu centro espallase en pouco tempo e así fóronse abrindo en diferentes lugares do mundo novos centros.

Os materiais de Fröbel

Fröbel nace en 1782 en Oberweissbach (Turinxia) e desenvolve diferentes oficios até que en 1805 comeza a traballar como educador nun centro educativo que emprega a metodoloxía pestalozziana e nese momento descobre a súa vocación de educador.
Ao ano seguinte vai ao centro que Pestalozzi dirixe en Iverdon e permanece alí catro anos coñecendo a súa metodoloxía de traballo.
En Keilhau crea un centro educativo que se manterá en funcionamento dende o ano 1817 até 1831.En 1836 foi nomeado director do orfanato de Burgdorf en Suíza e da súa escola elemental anexa, posto ao que ten que renunciar ao pouco tempo para marchar a Alemaña pola enfermidade da súa muller.

domingo, 26 de xaneiro de 2014

Un exemplo de horario

Gustavo Quindimil, director da escola infantil de Oza na Coruña, indícanos como é a organización do tempo na súa escola:
Na nosa escola temos unha xornada de 8:00 a 17:00.
  • Ás 8:00 horas: Recíbense ás crianzas máis madrugadoras na mesma aula (no noso caso na aula de usos múltiples). As máis pequenas (grupo 0-1) recíbense na súa aula xa que teñen outras necesidades diferentes (sono, alimentación…). Cada un dos grupos está cunha educadora, as e os maiores agardando que chegue a súa titora. As e os bebés están coa mesma ata practicamente o remate da xornada.

Organizar o horario

Fálase de horario ou xornada escolar para referirse á hora de comezo e de remate das actividades así como da súa distribución ao longo dun día. O horario escolar é o instrumento que permite organizar a xornada das crianzas, o traballo das educadoras e educadores e mais do persoal de servizos. Como no caso do calendario, podemos falar de horario do centro escolar, do alumnado e do profesorado.Para o horario dos centros, a lexislación establece que as escolas infantís de primeiro ciclo abrirán durante un mínimo de oito horas diarias, en xornada partida ou continuada, ademais permítese ofertar un horario amplo no que o centro permanece aberto un mínimo de dez horas continuadas.
Diversas cuestións de tipo pedagóxico, social, laboral, familiar ou xeográfico inflúen na organización dos horarios escolares polo que non podemos falar dun modelo único de horario extensible a todos os centros. En Galiza, aínda que o máis común é a organización do horario con xornada partida, é tamén habitual a existencia doutros modelos de xornada.

Organizar o calendario

O calendario escolar fai referencia á distribución das actividades ao longo dun curso. Cando falamos de calendario escolar temos que distinguir entre:
  • O calendario do centro.
  • O calendario do alumnado.
  • O calendario do profesorado.

O calendario do centro:

O calendario das escolas infantís de primeiro ciclo ven determinado pola Administración, e especifica que as escolas infantís realizarán actividades lectivas durante cinco días á semana de luns a venres e durante os doce meses do ano. Deste período de tempo é preciso descontar os días sinalados como festivos pola administración autonómica ou local. Dentro da organización do calendario escolar é preciso ter en conta algúns momentos significativos, como poden ser:

mércores, 22 de xaneiro de 2014

Criterios para organizar o tempo

Despois de ter sinalado a importancia da organización do tempo para os nenos e nenas resulta evidente que na organización temporal deberase contemplar os momentos cotiás e de rutinas para aproveitar toda a súa potencialidade educativa.
Para o establecemento destas actividades rutinarias debemos ter en conta algúns momentos escolares que merecen especial atención, como por exemplo:
  • A chegada das crianzas cada día.
  • A elección do que se vai facer ou co que se vai xogar ese día.
  • A limpeza e as actividades de hixiene: cambio de cueiros ou ir ao aseo.
  • As actividades de gran grupo
  • A comida.
  • As actividades e xogos ao aire libre.
  • A sesta.
  • A recollida do material.
  • A despedida.

O tempo das persoas que traballan na escola infantil

Reloxo astronómico en Praha
O 10 de febreiro de 2010 as patronais do sector de centros de asistencia e educación infantil e as organizacións sindicais FETE-UGT, CCOO, USO e FSIE asinaron o XI convenio colectivo de ámbito estatal de centros de asistencia e educación infantil, publicado na Resolución de 9 de marzo de 2010, da Dirección Xeral de Traballo, pola que se rexistra e publica este convenio, e que foi publicado o 22 de marzo de 2010 no Boletín Oficial do Estado e que establece as seguintes condicións laborais en canto ao tempo de traballo.

O tempo para a infancia

Reloxo no paseo marítimo da Coruña
O concepto de tempo para a infancia ten moita relación con cos contidos presentados no módulo de Desenvolvemento cognitivo e motor deste mesmo ciclo, polo que sería bo revisar o que alí se indica para poder ampliar a información.
A organización do tempo na escola infantil responde a unha concepción pedagóxica determinada que vai concretar o marco no que se desenvolverán as actividades educativas. A organización do espazo e mais do tempo vai determinar o tipo de actividade educativa que se desenvolve nunha escola infantil.
As necesidades biolóxicas da infancia son as que marcan, nun primeiro momento da vida, os ritmos necesarios para a súa orientación temporal: o alimento, o descanso, a hixiene, a actividade, as saídas á rúa, etc. son as primeiras referencias temporais que teñen os nenos e nenas.

Historia do tempo escolar

Reloxos no Pasatempo de Betanzos
Unha das primeiras referencias legais sobre a organización do tempo na escola é a que establece o Regulamento provisional das escolas públicas de instrución primaria elemental de 1838, que estaba inspirado por Pablo Montesino, creador da primeira escola infantil do Estado. Neste regulamento establecíase que habería clase todos os días da semana excepto os xoves pola tarde e o domingo, os días de vacacións serían os de Nadal, do 24 de decembro ao 6 de xaneiro; o luns e martes de Entroido, a Semana Santa, os aniversario dos reis e os días de festa en todo o Estado, como o 2 de maio, por exemplo. Ademais as Comisións Locais de Instrución Primaria podían sinalar ata 6 semanas de vacacións extraordinarias nas zonas rurais onde fose preciso polas urxentes ocupacións do campo.

Os espazos exteriores


As escolas infantís deberán dispoñer dun patio exterior de xogos de uso exclusivo do centro, cunha superficie mínima de 50 m2. Esta superficie incrementarase en 25 m2 por cada 3 novas unidades ou fracción.
Cando no recinto do propio centro exista un espazo ao aire libre dedicado ao esparexemento dos/das nenos/as, este deberá estar debidamente delimitado, evitando un tratamento excesivamente pechado. Será recomendable a existencia de soportais (adosados ou exentos, segundo as condicións bioclimáticas da zona).
Deberán estar tratados cos materiais adecuados segundo os usos, dispoñendo das instalacións necesarias tales como drenaxe, iluminación, toma de auga, sinalizacións, etc.

Os espazos interiores

Os requisitos espaciais que deben reunir as escolas infantís 0-3 de Galiza están establecidos no Decreto 329/2005, do 28 de xullo, polo que se regulan os centros de menores e os centros de atención á infancia.

Espazos comúns

Facendo un repaso dos diferentes espazos dunha escola infantil que son de uso común para toda a escola pódese falar de vestíbulos, corredores, zona de administración e dirección, cociñas ou salas para o profesorado, é evidente que dependendo do tipo de deseño pode haber outros espazos e incluso algúns dos que se citan de xeito independente poden ser un único espazo.

martes, 21 de xaneiro de 2014

Análise do edificio escolar

Antes de analizar os espazos do edificio escolar, vaise facer unha análise do edificio no seu conxunto, entendéndoo como un todo e considerando a súa adecuación á zona, a flexibilidade interna do edificio, a adaptación á idade das crianzas e a funcionalidade xeral do edificio, elementos que xa se tiñan en conta nas análises que se realizaban a comezos do século pasado.

Modelos de edificio escolar

Escola infantil Santa Susana en Compostela
O espazo no que se realiza o acto educativo é máis que o mero continente físico no que se desenvolve, xa que os estímulos que ese espazo provoca inciden na calidade mesma do proceso. Por este motivo é preciso analizar o edificio escolar e as diferentes partes que compoñen o edificio escolar, tanto interiores como o patio exterior. Analizarase en primeiro lugar a construción escolar como un todo único.
Se se observa a evolución dos diferentes edificios escolares que se empregaron ao longo da historia pódense establecer cinco grandes grupos. Respondendo, en certa medida, cada un destes grupos a un modelo de edificio que identifica unha concepción da educación diferente.
Estes serían os grupos que se poden establecer:

Historia do espazo escolar



A primeira referencia na lexislación do Estado español ao edificio escolar parece no Plan e regulamento xeral de escolas de primeiras letras de febreiro de 1825, que no seu artigo 178 sinala que Os Concellos proporcionarán o sitio destinado para a Escola, o que nunca servirá de cadea, paneira ou para outro obxecto de servizo público.
Posteriormente o Regulamento provisional dasescolas públicas de instrución primaria elemental de 1838 sinala sobre a escola no seu artigo 3º que en todos os pobos establecerase en lugar conveniente, que non estea destinado a outro servizo público, en sala ou peza proporcionada ao numero de nenos que teña que conter, con bastante luz, ventilación e defensa da intemperie.

O espazo da escola infantil

Aínda que Tonucci afirma que o elemento fundamental e imprescindible do proceso educativo é o profesorado, e que a súa actuación ten máis relevancia que calquera outro elementos, parece evidente que o contexto no que se vai desenvolver esa actuación pode condicionar a propia actuación que se vai desenvolver.
Nas entradas deste apartado vaise analizar o espazo das escolas infantís, a normativa que o regulamenta, analizándose como deben ser tanto os espazos interiores como exteriores e como evolucionaron ao longo do tempo.